miércoles, 19 de diciembre de 2007

galegoespañol

X Premio Luis Freire

INVESTIGACIÓN CIENTÍFICA PARA ESCOLARES

O premio Luís Freire de Investigación Científica para Escolares alcanza a súa décima convocatoria. Inclúe novidades como un primeiro premio consistente nunha viaxe a un lugar ou instalación de interese científico-cultural en España, ou un servizo de asesoría para os equipos que o soliciten. O prazo de presentación de propostas de investigación está aberto ata o 30 de xaneiro de 2008.


Descarga as bases e o boletín de inscrición (PDF, 625 KB)
PECHADO O PLAZO







O Excmo. Concello da Coruña e El Corte Inglés, en colaboración coa Asociación de Amigos de la Casa de las Ciencias, convocan o X Premio Luís Freire de Investigación Científica para Escolares, en memoria do que foi gran botánico galego, co fin de fomentar o interese polas Ciencias da Natureza, premiando aqueles traballos e pequenas investigacións que se distingan pola orixinalidade e o rigor das súas formulacións e conclusións.
Para o cal se establecen as seguintes

BASES

1. Finalidade
Fomentar actitudes positivas cara á ciencia, dando resposta, mediante a experimentación ou o traballo de campo, a preguntas que teñan relación coa Natureza ou as Ciencias Físicas ou Químicas.

2. Participantes
Alumnos de Ensino Secundario Obrigatorio en Galicia, individualmente ou en grupos, como máximo de 5 alumnos.

3. Fases
A. Os alumnos que desexen participar, individualmente ou en equipo, deberán cumprimentar o boletín de inscrición e envialo ou entregalo na Casa das Ciencias antes das 12 horas do día 30 de xaneiro de 2008. Todos os boletíns deberán estar avalados pola firma dun profesor. Cada participante pode presentar máis dunha pregunta, utilizando unha ficha para cada unha. O comité non admitirá máis dunha pregunta por participante.
B. Un comité de selección encargarase de admitir a concurso as preguntas que serán obxecto de investigación. Esta decisión comunicarase aos participantes antes do 4 de febreiro de 2008.

C. Os admitidos realizarán as investigacións e traballos.

Os Museos Científicos Coruñeses poñen a disposición dos equipos que o soliciten un servizo de asesoría.
4. Presentación dos traballos
As memorias correspondentes aos traballos, que deberán ser orixinais e inéditos, conterán a descrición das tarefas e experiencias realizadas, os datos obtidos e as hipóteses ou conclusións establecidas, e deberán presentarse antes do día 30 de abril de 2008 na Casa das Ciencias. Os traballos poderanse presentar en idioma castelán ou galego.

5. Xurado
A valoración dos traballos realizarase por un equipo de persoas presidido polo Excmo. Sr. Alcalde da Coruña ou persoa na que delegue e composto por profesores e especialistas da área de Ciencias:

- O Director dos Museos Científicos Coruñeses

- Un representante de El Corte Inglés

- Un representante da Asociación de Amigos de la Casa de las Ciencias

- Un profesor universitario

- Un profesor de Ensino Secundario Obrigatorio

- Un profesor de Bacharelato
Actuará como Secretario do Xurado o Secretario da Asociación de Amigos de la Casa de las Ciencias.
O comité de selección seleccionará os 5 traballos finalistas, e os autores dos mesmos realizarán a presentación pública das súas conclusións no Salón de Actos da Domus o 7 de xuño de 2008. Tras cada intervención, o Xurado poderá realizar preguntas aos participantes.

Despois da presentación dos traballos finalistas, o Xurado retirarase para deliberar e emitirá un dictame.


A continuación, o Xurado comunicará o seu dictame e se procederá á entrega de Premios.
O Xurado valorará a autenticidade das investigacións, a súa orixinalidade, o seu rigor científico, o sentido crítico, e aqueles trazos que demostren curiosidade e constancia.

6. Premios
Outorgaranse os seguintes:
- Primeiro premio: unha viaxe a un lugar ou instalación de interese científico-cultural en España, subscrición á revista Muy Interesante e un iPod para cada membro do equipo.

- Segundo e terceiro premio: subscrición á revista Muy Interesante e un iPod para cada membro do equipo.

- Cuarto e quinto: un iPod para cada membro do equipo.

7. Dictame
O dictame do Xurado será inapelable. Os premios poderanse declarar desertos.

8. Aceptación
A presentación de traballos supón a plena aceptación destas bases.

Preguntas gañadoras do primeiro premio nas pasadas convocatorias

1999 Cal é a mellor combinación de froitas que pode funcionar como pila eléctrica?

2000 Cómo inflúen no crecemento das plantas os distintos tipos de música, e os diferentes niveis de volume?

2001 De verdade os corpos máis pesados caen máis rápido que os mais lixeiros?

2002 Por que non se estraga o pan bendicido na festa do Pai Eterno de Quintela de Humoso?

2003 A auga dos porróns arrefríase, mantén a súa temperatura ou quece?

2004 Pódese empregar papel usado para a fabricación de illantes acústicos?

2005 Que forma de paracaídas detén mellor as caídas?

2006 Os ovos frescos afúndense na auga e os vellos flotan. Podemos construír unha expresión matemática que relacione a profundidade co tempo transcorrido desde a posta?

2007 É certo que aguantando a respiración anúlase o efecto da picadura de estruga?



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións