miércoles, 17 de septiembre de 2008

galegoespañol

Campaña DIVA-Artabria II

INVESTIGACIÓN OCEANOGRÁFICA

O Aquarium Finisterrae participa na campaña de investigación DIVA-Artabria II (2008) para profundizar no coñecimento da biodiversidade das augas galegas. A expedición científica no buque oceanográfico «Hespérides» comeza o 15 de setembro e remata o 1 de outubro de 2008.

O obxectivo principal desta campaña é o estudo da biodiversidade en fondos profundos. Trátase de describila e contribuír a unha estimación real do número de especies que viven nos fondos batiais de Galicia e como se distribúen en función da profundidade e do tipo de substrato.

O plan de campaña é tomar mostras con dous tipos de dragas en 30 estacións, entre 250 e 3.000 metros de profundidade ao oeste de Galicia.

A campaña DIVA-Artabria II (2008) para o estudio dos fondos profundos de Galicia está dirixida, como Xefe de Campaña, por Victoriano Urgorri, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña. O traballo a bordo realizarano tres equipos, en quendas de 6 horas, dirixidos polos investigadores Juan Moreira, da Estación de Bioloxía Mariña da Graña; Eva Corral, do Departamento de Zooloxía da USC e Antonio P. Cribeiro, do Aquarium Finisterrae.

En total embarcarán 32 científicos procedentes dos Departamentos de Zooloxía, Ecoloxía e Bioloxía Vexetal das Universidades de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Sevilla e Autónoma de Madrid, do Aquarium Finisterrae, do Zoologische Staatssammlung de Munich (Alemania) e do Deutsches Zentrum für Marine Biodiversitätsforschung de Wilhelmshaven (Alemania).



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións