miércoles, 28 de enero de 2009

galegoespañol

Anfibios

A VIDA ENTRE DOUS MUNDOS :· EXPOSICIÓN TEMPORAL

>> Casaciencias
2ª planta
Desde o 28 de xaneiro de 2009

Unha selección de ras, sapos e outros anfibios vivos de cinco continentes, aloxados en terrarios que recrean o seu hábitat natural.

A segunda planta da Casa das Ciencias, destinada a exposicións temporais, reábrese cunha mostra para celebrar o Ano Internacional da Ra.

Os anfibios son un eslabón moi importante na cadea trófica, como consumidores de insectos e á súa vez parte da dieta de moitos animais. Fundamentais para a biodiversidade do planeta, as secrecións da pel dos anfibios orientan aos científicos sobre novos fármacos para producir analxésicos, antibióticos e tratamentos para moitas enfermidades.

Máis dunha terceira parte dos anfibios do mundo están en perigo de extinción; nos últimos 25 anos desapareceron máis de 100 especies.

«Anfibios, a vida entre dous mundos» presenta unha selección de esta ameazada clase de animais:
Ra touro africana (Pyxicephalus adspersus) unha das ras máis grandes que se poden ter en catividade (ata 20 cm de lonxitude cando é adulta).
Salamátiga tigre (Ambystoma tigrinum), orixinaria de América do Norte.
Tritón de ventre vermello (Paramesotriton hongkongensis), de China.
Ra dardo (Dendrobates sp), orixinal das selvas tropicais americanas e cunha variada e vistosa gama de cores na súa pel.
Sapo folla (Megophrys nasuta), con dúas curiosas prominencias enriba dos ollos a xeito de cornos que lles permite camuflarse na follaxe de bosques de Malasia.
Sapo pantera (Bufo regularis), que pode atoparse nos oasis do Sahara.
Sapiño pintollo (Discoglossus galganoi), unha especie co fociño puntiagudo e que se pode atopar nas proximidades da Coruña.
Ra verde arborícola de Australia (Litoria caerulea), tamén coñecida como ra de White.
Sapiño ventre de lume (Bombina orientalis), típica dos estanques, arrozais e ribeiras de ríos de Asia.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións