jueves, 22 de enero de 2009

galegoespañol

Mare Oceanum

EXPLORACIÓN SUBMARINA :· UNIDADE EXPOSITIVA

>> Aquarium Finisterrae
Tunel de acceso ao Nautilus
Desde o 22 xaneiro 2009

Módulos interactivos, programas informáticos multimedia, dioramas, pezas arqueolóxicas orixinais e guía dixital en tres idiomas: galego, español e inglés.

Unha nova unidade temática sobre a exploración submarina, co patrocinio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).





O Aquarium Finisterrae comeza o ano 2009 coa presentación dun novo espazo adicado á exploración das rexións máis profundas do océano. Sumérxete nel e e viaxa pola historia da ciencia e da tecnoloxía submariña en Galicia, España e Europa.


Por primeira vez preséntanse nun acuario español obxectos, conceptos e fundamentos relacionados con iniciativas civís, militares e científicas da exploración do océano. Trátase dun recurso didáctico axeitado para complementar a formación de estudantes das materias de tecnoloxía da ESO, pois da a coñecer aspectos interesantes da cultura naval galega e europea e do noso patrimonio tecnolóxico.

A unidade expositiva consta de seis módulos temáticos, nos que se inclúen xogos interactivos, textos explicativos, ilustracións, información sobre fitos da exploración submarina e outras curiosidades:

Viaxe ao fondo do mar
Un repaso á historia da exploración submarina. Unha pantalla táctil dá acceso a unha guía dixital para obter información sobre a apnea, os coñecementos dos romanos sobre a presión ou o primeiro submarino de madeira construído por Leonardo da Vinci.

Homes de honra
Trata sobre os primeiros mergulladores da historia. O módulo contén unha reprodución dunha peza de artesanía precolombina que alude á inmersión do home no océano.

20.000 leguas baixo dos mares
Fala sobre os primeiros somerxibles, e presenta unha maqueta dun U-Boat alemán da II Guerra Mundial.

Á procura de Nemo
Trata sobre o sónar e o seu uso na exploración submarina. Inclúe un mapa dos pecios que hai no Porto da Coruña e unha botella antiga rescatada dun deles. Unha pantalla táctil permite reproducir diferentes sons tal como se escoitan baixo o mar: un sónar, un terremoto, unha balea ou unha embarcación.

A presión
Aquí explícanse os efectos da presión da auga. Inclúe unha simulación en ordenador acerca do efecto da presión sobre diferentes obxectos baixo o mar: unha botella, unha caixa forte, un ovo, un balón.

Abyss
Este último módulo fala sobre as características excepcionais da fauna que habita as rexións abisais do océano. Ao mirar por un visor, poderase ver a imaxe tridimensional dun curioso pez abisal.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións