2009: REINAUGURACIÓN
:· NOVIDADES
A reforma da Casa das Ciencias, que reabriu as súas portas o 28 de xaneiro de 2009, converteu ao seu planetario nun dos máis modernos de España.O novo sistema de proxección dixital substitúe o conxunto de 40 proxectores analóxicos que facían posible a representación de panoramas e ceos completos, e achega unha maior definición e a posibilidade de imaxes en movemento en toda a cúpula.

A sala conta agora ademais cun acceso para discapacitados físicos, cun ascensor que lles permitirá acceder á sala con facilidade.
Hai máis de 20 anos o planetario da Casa das Ciencias foi o primeiro de titularidade pública en España. En colaboración con outras salas (Madrid, Pamplona, Granada) ten coproducido numerosos programas de planetario. A súa renovación fai posible novas linguaxes audiovisuais, cunha tecnoloxía digital para seguir sendo unha referencia no século XXI.
Experiencias ao estilo Exploratorium
A primeira planta da Casa das Ciencias estivo ocupada desde os seus inicios por módulos interactivos sobre experiencias do mundo da Física. Agora, a sala foi renovada con novos experimentos sobre procesos físicos da nosa vida cotiá e que en ocasións non son doados de comprender.
>> Ver foto e texto de cada módulo
O deseño industrial e a realización dos 12 novos módulos desta sección foi realizado polo Exploratorium de San Francisco (EEUU), museo de ciencia interactivo de referencia mundial.
A estética dos módulos cambiou, a filosofía mantense: nesta sala o importante non son as respostas, senón facerse preguntas e experimentar.






