miércoles, 17 de marzo de 2010

galegoespañol

As visións do bacallau

FOTOGRAFÍAS DE LUCIEN GIRARDIN

:· EXPOSICIÓN TEMPORAL

>> Aquarium Finisterrae
Sala Isabel Castelo
15 marzo — 29 abril 2010
FINALIZADA

Esta mostra recolle fotografías realizadas ao longo de trinta anos sobre as escalas que facía a flota española nas illas de Terranova de Saint-Pierre et Miquelon, un pequeno arquipélago de territorio francés ao sur de Terranova.


O Aquarium Finisterrae, en colaboración co Museo do Mar de Galicia, presenta unha exposición fotográfica sobre a xesta dos pescadores galegos no mar de xeo de Terranova

O autor, Lucien Girardin comezou, a finais dos anos sesenta, a facer fotografías dos arrastreiros galegos que chegaban ó porto de Saint-Pierre, territorio colonial francés nas costas do máis importante caladeiro naquela época. É a colonia máis antiga de Francia, do século XVI, e o único solo francés de Norteamérica. Girardin prolongou durante anos esta impagable tarefa de documentación, mesmo ata entrado o século XXI cando narrou ó través da súa cámara a dramática peripecia do fletaneiro Arcay (2003), catro días ó garete ó perder a propulsión despois de que unha onda xigante levara as redes contra a hélice. Cómpre lembrar –polo novedoso- que desta volta salvouse toda a tripulación.

A frota bacalloeira galega estaba formada maiormente por arrasteiros que operaban en parella, con redes de arrastre de varios centos de metros que eran levadas dende ámbolos dous buques para ampliar o espacio de rastrexo e captura de bacallaus. Eran pesqueiros de entre 30 e 60 toneladas, duns 30 metros, que coas adegas cargadas podían chegar xuntos ás 300 toneladas.

A riqueza daqueles bancos era tal, e os barcos ían tan cargados, que á volta levaban a liña de flotación tan baixa que o nivel da auga podía chegar á maquinilla.

Saint Pierre converteuse, entón, no refuxio de milleiros de pescadores galegos e vascos, nunha prolongación do fogar. Todo este achegamento é recollido por Girardin, que retrata o proceso de industrialización das flotas. De feito, España xa empezara a extracción industrial no 1926, coa sociedade PYSBE e os seus pesqueiros a vapor. Da dureza daqueles tempos e traballos deixa solemne sentencia unha das fotos de Girardin: a primeira tumba dun español, soterrado na costa de Saint Pierre en 1929. Non sería, nin moito menos, o derradeiro.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións