jueves, 18 de marzo de 2010

galegoespañol

Caiuco, fame e migración

FOTOGRAFÍAS DE XACOBE MELÉNDREZ

:· EXPOSICIÓN TEMPORAL

>> Domus
Na entrada do museo
5 marzo — finais de abril 2010
FINALIZADA

"Caiuco, fame e migración" é un conxunto de sete fotografías, unha proxección titulada "Autorretrato como insectívoro" e un elemento escenográfico: a reprodución dá maleta dun emigrante, Claudino Pérez Naval, director de banda de música que en 1922 emprendeu a súa emigración á Habana.
O fotógrafo Xacobe Meléndrez presenta na Domus unha exposición simbólica sobre a migración humana.



En palabras do propio autor:

Símbolo. Un carozo de mazá baleirado polos paxaros emprende unha viaxe marítima cara á esperanza.

Orixe, territorio que se esgota. A identidade que dá a paisaxe, os lugares da nosa historia persoal, é violentada pola necesidade de buscar un lugar non mundo onde pacer: "Un é de onde pace non de onde nasce" (pop.). Entre a fame e a esperanza, o Caiuco é lugar de paso, territorio transitorio, ínfimo co que enfrontar o perigo, cara a unha terra de promisión, cara unha nova identidade.

Hai que sair de Nós porque nos falta Eu, parte do Eu, a fame orgánica, intelectual e de futuro. Sair dunha paisaxe devastada pola presión dunha economía global que organiza os fluxos de materias primas e reorganiza a produción primaria interna, en función do Centro, do Primeiro Mundo.

Hai que buscar no destino un lugar, unha identidade nova, a esperanza de poder ser, unha aposta arriscada, con todo o dramatismo de que é capaz a vida.

Xacobe Meléndrez Fassbender
A súa obra fotográfica parte do compromiso co medio e da posta en valor do continuo enfrontamento entre o home e a materia da que nace, a conservación e devastación do contorno, ás relacions sociais.

Obtivo o 1º Premio do Certamen Artístico do Ministerio de Medio Ambiente en 2006 e 2007. Ademáis da súa obra artística é habitual atopar colaboracións súas, como fotógrafo independente, en exposicións institucionais, con editoriais e en revistas. Nestes ámbitos é tamén asiduo colaborador con ONGs.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións