CIENCIA E CREATIVIDADE
:· EXPOSICIÓN TEMPORAL
Partindo de que a creatividade é un compoñente fundamental da ciencia e de calquera das actividades humanas, a exposición mostra que todos somos creativos en diferentes momentos das nosas vidas. >> Domus
Sala Severo Ochoa
Desde o 26 de marzo de 2010
Eureka! conecta a ciencia e a creatividade a través de 30 elementos expositivos. Actividades interactivas, escenografías, audiovisuais, paneis gráficos e outros medios distribúense en cinco seccións:
!maxina - O proceso creativo
!dea - Fundamentos neurolóxicos
!nspírate - Exercicio da creatividade e técnicas
!nvestiga - Creatividade na investigación científica
!nnova - Innovación, tecnoloxía e sociedade
Unha exposición producida polos Museos Científicos Coruñeses (=mc2) e financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia e Innovación, co gallo do Ano Europeu da Creatividade e a Innovación.



Sala Severo Ochoa
Desde o 26 de marzo de 2010
Eureka! conecta a ciencia e a creatividade a través de 30 elementos expositivos. Actividades interactivas, escenografías, audiovisuais, paneis gráficos e outros medios distribúense en cinco seccións:
!maxina - O proceso creativo
!dea - Fundamentos neurolóxicos
!nspírate - Exercicio da creatividade e técnicas
!nvestiga - Creatividade na investigación científica
!nnova - Innovación, tecnoloxía e sociedade
Unha exposición producida polos Museos Científicos Coruñeses (=mc2) e financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia e Innovación, co gallo do Ano Europeu da Creatividade e a Innovación.



Considerada un dos puntais do desenvolvemento científico ao longo da historia, hoxe en día valórase como unha importante achega en tempos de cambios e innovación. En todo caso, a creatividade nútrese, por un lado, desas faíscas mentais que iluminan unha solución, pero tamén, e non menos importante, do intenso traballo que hai detrás de ideas xeniais.
>> Documento: "Eureka! Guía da exposición"
Un complemento didáctico da exposición, que enriquece a visita.
Un complemento didáctico da exposición, que enriquece a visita.

Os módulos expositivos de Eureka! perseguen os obxectivos de aproximar aos visitantes o concepto de creatividade, mostrar exemplos de procesos creativos no mundo dos científicos clásicos, trasladar a idea de que é un compoñente esencial tanto da ciencia coma de todos os demais aspectos da vida, relacionar os conceptos de innovación e creatividade, e evidenciar que o feito creativo non se basea só neses momentos en que se ilumina unha idea, senón tamén en todo un grande esforzo previo.
Os contidos da exposición distribúense en 5 ámbitos:
!maxina
O sociólogo británico Graham Wallas propuxo en 1926 que o proceso creativo estaba dividido en catro fases: preparación, incubación, iluminación e verificación. Poden verse estas etapas detrás de grandes logros artísticos e científicos.
!dea
Onde reside a creatividade? Nesta sección poden descubrirse os fundamentos neurolóxicos da creatividade mediante experiencias como a de intentar debuxar un obxecto ao revés e comprobar se resulta máis doado ou máis difícil que coa imaxe ao dereito, construír figuras con pezas xeométricas, ou ver un vídeo no que se observa como se desenvolve o cerebro dun neno cando aprende a falar.
!nspírate
O enxeño, a imaxinación, a intuición, a curiosidade, a constancia, a inspiración son aspectos asociados intimamente ao exercicio da creatividade. Poñer a proba estas habilidades ao encher os bocadillos de varios cómic, intentar descubrir a figura que se esconde nunha imaxe que á primeira vista pode parecer unha simple mancha, ou resolver problemas de enxeño para os que se precisa romper con ideas preconcibidas son algunhas das propostas deste ámbito.
!nvestiga
Os grandes logros da ciencia esconden detrás moito esforzo. Utilizando as claves que definen o traballo científico, os módulos desta sección mostran o papel da creatividade na investigación. Invitan a formular hipótese para explicar o mecanismo (biela, polipasto, engrenaxe...) que fai funcionar unha selección de dispositivos, descubrir cales son os ingredientes que combinados fan que unha persoa sexa creativa (curiosidade, perseveranza, audacia, amplitude de miras...), ou viaxar por Internet aos centros de ciencia máis importantes do mundo e a empresas que son modelo de innovación.
!nnova
O século XX foi revolucionario en relación ao ritmo de desenvolvemento de tecnoloxía e innovacións. A creación científica considérase unha das actividades máis valoradas na sociedade moderna, sendo un indicativo de prosperidade. Neste apartado expóñense inventos fronte ás estruturas da natureza que os inspiraron (avión planador, agulla hipodérmica, pantalla LCD...), e invítase a reflexionar sobre como a evolución dalgúns aparatos tecnolóxicos familiares foi máis á présa que o uso da linguaxe en torno a eles (por exemplo, seguimos "colgando" o teléfono a pesar de que xa non se corta a chamada dese xeito), entre outras actividades.





