miércoles, 9 de junio de 2010

galegoespañol

Fotógrafos da Natureza

2010

:· EXPOSICIÓN TEMPORAL

>> Aquarium Finisterrae
Sala Isabel Castelo
9 xuño - 3 setembro 2010
FINALIZADA

Gañadores e finalistas da 45ª edición de "Wildlife Photographer of the Year", o certame de fotografía de natureza máis importante do mundo: máis de 43.135 concursantes de 94 países, repartidos en 14 seccións.

Co patrocinio de:

Cada ano, miles de fotógrafos de todo o mundo —profesionais e afeccionados, nenos e adultos— participan no concurso Wildlife Photographer of the Year, que organizan a BBC e o Natural History Museum de Londres desde 1964.

E cada ano a sala Isabel Castelo do Aquarium Finisterrae estrea en España unha selección das mellores fotografías do prestixioso concurso. Entre as imaxes expostas están as de catro fotógrafos españois. Unha delas, Ana Retamero, resultou gañadora na categoría “Eloxio das plantas”. E terían sido cinco, de non ser porque a fotografía gañadora absoluta, realizada polo español José Luis Rodríguez, foi descualificada polo Xurado do concurso tras concluír que incumprira as normas.

Fotodiversidade natural

A selección de gañadores e finalistas resalta a beleza, dramatismo e diversidade da vida na Terra. E recolle un amplo abano de motivos e estilos, dende retratos ou instantáneas que captan un comportamento, ata imaxes abstractas e suxestivas da natureza.

"A mirada do xaguar", de Tom Schandy.

PREMIO GERALD DURRELL. Esta sección recolle imaxes de especies vulnerables, en perigo e en situación crítica (atendendo á Lista Vermella de especies ameazadas da IUCN). O premio fai honra a Gerald Durrell, quen loitou intensamente en favor da fauna e flora máis ameazadas da Terra.


"O abeto solitario", de Thomas Haney.

PREMIO PLANETA TERRA. As fotografías desta sección recordan que a nosa Terra é única, e deben facernos reflexionar sobre a nosa interacción coa natureza e o que dependemos dela.


"Refrescante gota de chuvia", de András Mészáros.

COMPORTAMENTO ANIMAL. As imaxes desta categoría han de mostrar acción. Engloba tres apartados: Mamíferos, Aves, e Outros animais.


"Un dosel de dentes de león", de Ana Retamero.

ELOXIO DAS PLANTAS. Esta modalidade pretende exhibir a beleza e importancia das plantas, mostrando primeiros planos delas ou resaltándoas como parte esencial do seu hábitat.


"O león satisfeito", de Marc Slootmaekers.

RETRATOS DE ANIMAIS. Unha categoría na que se capta o carácter ou a esencia dun animal de forma orixinal e única.


"Nube de estorniños", de Danny Green.

NATUREZA EN BRANCO E NEGRO. Prémiase nesta categoría imaxes de calquera ser vivo ou paisaxe que demostren o coñecemento e uso artístico do medio en branco e negro.


"Bigotudo", de Esa Malkonen.

VISIÓNS CREATIVAS DA NATUREZA. As fotografías desta categoría han de estar inspiradas na natureza, pero deben revelar novas e asombrosas formas de admirar a beleza dos seres vivos.



"Choque de escribanos", de Fergus Gill.

PREMIO YOUNG WILDLIFE PHOTOGRAPHER
OF THE YEAR
Este premio concédese á fotografía máis impactante de todos aqueles que participaron nas diferentes categorías para menores de 17 anos.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións