lunes, 27 de diciembre de 2010

galegoespañol

Éufrates

UN RÍO DE HISTORIAS

:· EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA

>> Domus
Na entrada do museo
21 decembro 2010 — 26 xaneiro 2011
FINALIZADA

O obxectivo desta exposición fotográfica é dar a coñecer o Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio (PAMES) da Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña.

«Éufrates: un río de Historias» pretende mostrar unha pequena parte do traballo que este equipo sirio-español desenvolve nun proxecto de investigación na arqueoloxía máis antiga de Siria, a través dunha selección de imaxes que mostran o traballo de campo destes profesionais entre os anos 2005 e 2009.

Eloy Taboada Rivas (Ferrol, 1977), autor das imaxes, é o fotógrafo do PAMES, un proxecto coordinado pola Universidade da Coruña e patrocinado por: Ministerio de Cultura, Xunta de Galicia, Concello de Ferrol, CSIC, Fundación Aïdi e Sociedade de Cultura Valle-Inclán.

Visualizar a beleza dunha imaxe, o traballo dun grupo de investigadores que aman o que fan e, ao mesmo tempo, a maxia do país sirio. Son algunhas das sensacións que o fotógrafo Eloy Taboada plasma nas imaxes de «Éufrates: un río de Historias».



A exposición achega o proxecto PAMES, unha iniciativa científica de grande interese para o estudo das diferentes civilizacións que habitaron o Próximo Oriente dende finais do IV milenio a.C

A Domus presenta esta incursión na Orientalística antiga, unha disciplina apenas desenvolvida no ámbito dos estudos humanísticos no noso país. O obxectivo principal do PAMES é examinar unha zona situada na Siria actual, denominada polos especialistas da antigüidade próximo-oriental, a conca sirio-mesopotámica.

A área elixida para a investigación é un sector do val do río Éufrates duns 60 km de lonxitude, na provincia de Deir ez-Zor. Nesta zona englóbanse varias liñas de estudo:

- A fronteira setentrional do reino Mari.
- Os albores da historia (primeiras cidades e primeiros textos conservados)
- As canles de navegación, primeiros viaxeiros e exploradores europeos (s. XIX e XX)
- A política expansionista dos asirios (s XIV-VII a.C)
- O limes oriental do Imperio Romano (sVII d.C)
- As primeiras sociedades agropecuarias (VIII milenio a.C)

Unha multiplicidade de liñas de actuación, algunhas aínda en estado embrionario, converten o PAMES nun macroproxecto de gran potencial científico no campo da Prehistoria e, fundamentalmente, da Historia Antiga do Próximo Oriente.

Galería UDC
O proxecto PAMES será ademais obxecto dunha intervención a principios de 2011 na Domus encadrada nunha nova liña de actuación en colaboración coa Universidade da Coruña, a Galería UDC. As salas de exposicións dos Museos Científicos Coruñeses abrirán espazos dedicados á presentación de proxectos de investigación desenvolvidos na Universidade da Coruña. Ademais da Galería UDC na Domus, dedicada ao proxecto PAMES, está previsto abrir outra na sala Humboldt do Aquarium.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións