viernes, 3 de diciembre de 2010

galegoespañol

OceanoSfera

FENÓMENOS GLOBAIS, EFECTOS LOCAIS

:· PROXECCIÓN DIXITAL HD
>> Aquarium Finisterrae
Sala Maremagnum

Esfera de vídeo dixital en alta definición.
Mostra simulacións de fenómenos mariños, atmosféricos e oceanográficos a escala global, realizados con datos e imaxes de axencias internacionais de investigación oceanográfica (NOAA, NASA)

DOCUMENTAIS:
  • "Blue Planet" presenta cuestións como as correntes mariñas ou a distribución de auga salgada e doce na Terra.
  • "Frozen" fala sobre o efecto regulador do xeo dos polos sobre a temperatura do planeta.

RECURSOS PARA CHARLAS E OBRADOIROS:
Contidos didácticos, de especial interese para os grupos escolares, sobre:
  • Cambio climático (efectos do aumento do nivel do mar ou o desxeo dos polos)
  • A Exploración dos océanos (distribución das boias coas que se obteñen datos)
  • O fenómeno de El Niño e La Niña
  • As estacións meteorolóxicas
  • A formación de nubes
  • A erosión das liñas de costa
... e moitos outros
O Aquarium Finisterrae presenta unha gran pantalla esférica, que fai posible un espectáculo único: observar a Terra desde fóra, como os astronautas. Na «OceanoSfera», os visitantes poden ver fenómenos globais como o cambio climático ou as correntes oceánicas.

A «OceanoSfera» impulsa a túa imaxinación para comprender a ciencia, mostrando nun cine esférico os fenómenos que adoitaban explicarse nun mapa ou nunha pantalla plana.


>> Ver selección de fotos da nova sala de proxección.

A simple contemplación da Terra, como se vería agora mesmo desde o espazo, é un soño que revela moitas claves da natureza e da nosa civilización. As cores dos océanos, os continentes, a vexetación e as neves, na zona iluminada polo Sol; e na noite, as luces das cidades cóntannos como se distribúe a humanidade.

Iso é só o principio. A OceanoSfera ten cámara rápida: en cousa segundos pasan os días, os meses, as estacións... e vemos como medra e mingua a capa de xeo durante un ano. Viaxamos a un futuro no que subiu o nivel do mar 6 metros e vemos cales serían os efectos do cambio climático.

Saltamos a un pasado remoto e podemos ver a deriva dos continentes. E chegando outra vez ao presente, contemplamos as correntes oceánicas, o fenómeno de El Niño e La Niña no océano Pacífico ou o tsunami que barreu o sudeste asiático en 2004, gracias aos datos da NASA e da NOAA.

Visión global
A «OceanoSfera» combina o punto de vista externo dun astronauta coa simulación de viaxes no tempo e mais a representación de datos e imaxes científicas, procedentes de axencias internacionais. O resultado é unha visión global. Así, a nova pantalla esférica do Aquarium Finisterrae supera os límites da mente humana, que ten problemas para imaxinar fenómenos a escala planetaria.

A dificultade que encerra a xigantesca dimensión deses procesos, como o quentamento global ou a contaminación. A «OceanoSfera» convértese nunha ferramenta eficaz que axudará á imaxinación dos visitantes para comprender estes fenómenos globais, que teñen efectos locais na súa vida cotiá. E será especialmente útil para ofrecer sesións didácticas aos grupos escolares.

O novo sistema supón para o Aquarium un recurso de divulgación similar ao Planetario dixital para a Casa das Ciencias ou o Cinema 3D para a Domus. Isto sitúa aos Museos Científicos Coruñeses na vangarda tecnolóxica da oferta audiovisual científica en Europa.

Cine esférico
A «Oceanosfera» ocupa un espazo próximo á entrada da sala Maremagnum, acondicionado para as actividades que alí se desenvolverán. Dispón dunhas bancadas para acomodar ao público, e un sistema de iluminación e acústica que optimiza a calidade da proxección.

O sistema usa fotos e vídeos preparados para simular fenómenos globais da Terra vistos dende o espazo. Permite ademais realizar rotacións e inclinacións da esfera terrestre para visualizar, por exemplo, os casquetes polares dende un ángulo inusual. É unha forma diferente de explicar estas cuestións, tradicionalmente representadas en pantallas planas.

A instalación complétase cun atril interactivo cunha pantalla táctil que permite aos visitantes seleccionar o contido a proxectar, podendo elixir o idioma entre tres, galego, castelán ou inglés.

Características técnicas
A OceanoSfera consta dunha esfera de proxección de 60 polgadas, 152 cm de diámetro. Ademais ten un sistema de proxección dixital de alta definición instalado no seu interior, formado por dous proxectores de 7.000 lumens cada un, o que proporciona unha imaxe esférica cunha resolución de 1280P.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións