miércoles, 19 de enero de 2011

galegoespañol

Traspasar Fronteiras

UN SÉCULO DE INTERCAMBIO CIENTÍFICO ENTRE ALEMAÑA E ESPAÑA

:· EXPOSICIÓN TEMPORAL
>> Aquarium Finisterrae
Sala Isabel Castelo
21 xaneiro – 24 febreiro 2011
FINALIZADA

Preto de 30 paneis explicativos que repasan as relacións científicas hispanoalemanas no século XIX e principios do XX.

Unha exposición organizada polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e o Servizo Alemán de Intercambio Académico (Deutscher Akademischer Austausch Dienst, DAAD), coa colaboración dos Museos Científicos Coruñeses.
O Aquarium Finisterrae amosa a importancia da formación dos investigadores en institucións estranxeiras de referencia, e a súa trascendencia para o desenvolvemento da comunidade científica.



A exposición «Traspasar fronteiras» percorre un século de intercambio científico entre España e Alemaña, así como as estancias de destacadas personalidades alemás en España e viceversa. Albert Einstein e os irmáns Wilhelm e Alexander von Humboldt, por exemplo, viaxaron a España en distintas ocasións, mentres que José Ortega e Gasset, Juan Negrín, José Castillejo e Gregorio Marañón estudaron en Alemaña.

A posta en marcha no ano 1910 dos primeiros organismos de investigación da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE), significou tamén o inicio dunha frutífera colaboración coa ciencia alemá.

A exposición tamén fai un repaso sobre o papel que exerceron algunhas mulleres pioneiras nesta relación científica, a difícil situación que atravesaron as ciencias alemás despois da I Guerra Mundial e o estado actual da colaboración hispanoalemana nos ámbitos académico e científico, con especial fincapé na contribución que realizaron o CSIC e o DAAD para fomentar a cooperación científica entre ambos os dous países.

Bolseiros: A viaxe da excelencia
A Junta de Ampliación de Estudios (JAE) abordou, como unha das súas principais tarefas, a formación cualificada de investigadores e docentes que transformasen o precario panorama científico de principios do século XX.

Entre 1910 e 1936 máis de cen bolseiros galegos, ou fóraneos con posterior destino en Galicia, acudiron a centros científicos internacionais de vangarda. Alemaña foi un destino preferente, ao que se dirixiron 45 bolseiros (entre eles, Roberto Nóvoa Santos, Jimena Fernández de la Vega, Antonio Baltar ou Isidro Parga Pondal). Foi a viaxe da excelencia, a viaxe de xente nova cara á súa formación nos mellores centros europeos.

Foi unha aposta pola formación de calidade, que deu os seus froitos. Á súa volta, eses especialistas nutriron o sistema científico galego:
* Asentaron novas institucións creadas pola JAE: Misión Biolóxica de Galicia, Estación de Bioloxía Mariña de Marín, Comisión de Estudios de Galicia, etc.
* Renovaron institucións xa existentes ou constituidas nese tempo: Universidade de Santiago, Granxa Agrícola Agrícola Experimental da Coruña, Laboratorio Oceanográfico de Vigo, Estación de Fitopatoloxía da Coruña, etc.
* Colaboraron con outras institucións, como o Seminario de Estudos Galegos.
* Mudaron métodos de traballo.
* Formaron equipos.
* Mantiveron relacións cos expertos europeos.
* Abordaron novas liñas de traballo.

En suma, estes bolseiros construiron unha auténtica comunidade científica.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións