viernes, 4 de febrero de 2011

galegoespañol

Familias

XENÉTICA DE PARECIDOS

:· EXPOSICIÓN TEMPORAL

>> Domus
Na entrada do museo
1 febreiro — 13 marzo 2011
FINALIZADA

Unha mostra de imaxes de Xosé Teiga nun formato expositivo que vai máis aló da fotografía, achegándose á escultura. As imaxes conforman así unha instalación tridimensional, que busca un diálogo intelixente co público.

O artista, que utiliza a fotografía para expresar as súas inquedanzas, busca despertar a reflexión e o interés dun público que está invitado a interactuar coa súa proposta e interpretala libremente.
«Familias» é unha proposta estética que pretende facer reflexionar sobre ese equilibrio inestable existente entre os vínculos humanos, representados nesta situación polo grupo familiar.



O autor, Xosé Teiga, representa o vínculo dun grupo pero tamén o risco que afrontan esas persoas por estar xuntas. Por iso, os protagonistas das instantáneas agárranse a unha barra e, deste xeito, o artista introduce a fraxilidade. Alén da mera fotografía descriptiva, nesta instalación cobra especial importancia o soporte.

En palabras do propio autor:

«Con este proxecto quero presentar a familia como un concepto relacionado cos vínculos. O vínculo é algo que nos une, pode ser o sangue ou pode ser a amizade, o afecto, o cariño, ou simplemente a afinidade, porque para crear vínculos non é necesario que sexan de sangue. Neste proxecto presento o concepto de familia-grupo na súa definición máis ampla, concretamente nesta peza presento aos membros da unidade familiar nunha postura moi vulnerable: colgados dunha barra real. Xogo coa ficción e a realidade, o carácter escultórico do metal en estado puro, case oxidado, creando estruturas para proteger a fraxilidade do grupo.

Este proxecto comeza con esta exposición na Domus e é no que traballarei nos próximos anos, para levar á súa máxima extensión o concepto, para investigar sobre el e para darlle un novo sentido á definición. Familia é un término empregado para as persoas e para as cousas, para os vínculos e para os non vínculos. É un termo político e políticamente correcto, pretendo que vaia máis aló.»

Xosé Teiga é deseñador gráfico, fotógrafo e escultor. Dende 1990 recibiu diversos premios e distincións, como os recibidos polo anuario Select, reflexo da creatividade que se fai hoxe no territorio español. Ten presentado numerosas exposicións así como impartido obradoiros e conferencias.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións