miércoles, 16 de marzo de 2011

galegoespañol

Zona-i

NOTICIAS E CIENCIA: ACCIÓN + REFLEXIÓN

:· NOVO ESPAZO
>> Aquarium Finisterrae

A Zona-i é un entorno no que os visitantes se internan para xogar, recibir información selecta, realizar actividades que teñen que ver coa actualidade científica e, sobre todo, opinar e votar sobre cuestións que afectan á súa vida cotiá.

O seu deseño arquitectónico recorda á natureza e está construída e iluminada con materiais e tecnoloxías moi novidosas que lle dan un aspecto orgánico e futurista.

A Zona-i é unha produción dos Museos Científicos Coruñeses. Coa colaboración da Escola de Imaxe e Son da Coruña.

Obra financiada con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local.

O Aquarium Finisterrae presenta a «Zona-i» un espazo de reflexión sobre a información científica.

Hoxe en día, as noticias científicas chegan ao público en enormes cantidades por multitude de canles: televisión, radio, Internet, libros, revistas, axencias de noticias, centros de ciencia, etc. En cada país, existen centos de axentes dedicados á popularización da ciencia, e todos falan ao mesmo tempo. Tanto é así que, para os cidadáns, comeza a resultar moi difícil procesar e dixerir toda a información científica que reciben.

A Zona-i do Aquarium foi concibida para axudar aos visitantes a interpretar toda esta información de forma lúdica.


>> Ver selección de fotos da nova zona do Aquarium Finisterrae.


DESCUBRINDO A ZONA-i

Palabras encadeadas
Os 90 metros de perímetro da sala levan un zócalo polo que discorre unha longa secuencia de palabras encadeadas. Os vocábulos elixidos gardan relación con noticias e temas de actualidade mariña e coas claves educativas e museográficas da sala. Os visitantes poden xogar a descubrir as palabras ocultas na cadea.

Participa
Esta sección da Zona-i ofrece a posibilidade de alternar tres actividades:
- Talleres de actualidade científica, en directo e guiados por un monitor ou un científico. Os encargados de dirixir algúns destes talleres serán científicos que traballan en centros de investigación galegos que, ao mesmo tempo, exercitarán técnicas de divulgación científica.
- A emisión dun microblog sobre a actividade diaria do Aquarium Finisterrae (actividades, visitas, programa educativo, proxectos de investigación, bioloxía...).
- A proxección en tempo real as imaxes que se xeran no "estudo" de TV da sala.

Entérate
Cada semana seleccionaranse noticias científicas relevantes pola súa calidade ou impacto na vida das persoas, e presentaranse ao público nunha gran pantalla situada na entrada da sala. Os titulares destas noticias tamén poderán lerse nun rótulo deslizante que colga do teito.

Choose
Concurso de preguntas e respostas chamado "Elixir e Cambiar". Cando o tempo se esgota, un ordenador calcula cual foi a resposta elixida por un maior número de participantes. Entón, a luz de toda a sala cambiará segundo a cor asociada a esa resposta. É un modo de trasmitir ao público que, no que se refire á conservación do medioambiente, as súas opinións e eleccións importan e inflúen.

Imaxina
O obxectivo deste módulo é mostrar o feito de que a información que aparece nos medios de comunicación pode ser interpretada de forma distinta segundo quen a recibe. Facilítase ao visitante unha breve descrición dun obxecto mariño e invítaselle a que o debuxe sobre unha gran pantalla táctil. A resposta gráfica do visitante proxéctase a gran tamaño sobre a membrana da parede.

Descubre
Moitos descubrimentos tiveron lugar porque alguén foi capaz de pensar e ver o mundo de forma diferente. Este módulo mostra dúas perspectivas dende as que se pode observar e interpretar un acuario. "O acuario que ves" é a visión do visitante que pasea polas nosas salas. "O acuario que non ves" é a visión inusual que tería alguén que estivese dentro da auga.

Informa
Neste módulo invítase ao visitante a converterse en reporteiro de televisión. Ao entrar no "Estudo de TV " da Zona-i e pulsar o botón de inicio, o visitante desencadea un proceso no que debe actuar como un correspondente de noticias científicas.

Actúa
Este módulo é unha sorpresa para o visitante. Sobre unha da columnas da sala encontrará un enorme botón vermello co rótulo "Precaución" en diferentes idiomas. O tamaño e cor do botón invitan a desobedecer a advertencia, premer o botón e...
"Na natureza non hai recompensas ou castigos, hai consecuencias"
Horace Annesley Vachell (1861-1955)



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións