martes, 30 de agosto de 2011

galegoespañol

Piratas no cómic

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2011

:· EXPOSICIÓN TEMPORAL
>> Aquarium Finisterrae
Sala Artista Invitad@
10 agosto - 31 decembro 2011
FINALIZADA

Colección de cómics con piratas, aparecidos en tiras de prensa, cadernos apaisados, revistas, cómic-books, libros e mangas de autores americanos, españois, italianos, franceses ou xaponeses.

A exposición «Piratas no cómic» é parte do XIV Salón Internacional do Cómic da Coruña, "Viñetas desde o Atlántico".

O comisario da mostra, Antoni Guiral, foi galardoado co premio á divulgación do Salón do Cómic de Barcelona do ano 2007.

En palabras do propio comisario, a exposición:
«… quere ser unha sucinta revisión do cómic dedicado aos que lucían en alta mar a bandeira de Jolly Roger (a caveira cruzada por dous ósos sobre un fondo negro). Algúns son imaxinados, outros reais, pero todos teñen en común a tinta e o papel. E a profunda pegada que deixaron en nós, os seus lectores».
Un ano máis o Aquarium Finisterrae convértese nunha das sedes do Salón Internacional do Cómic da Coruña. En 2011 volvemos explorar a relación entre o cómic e o mar, esta vez a través da exposición “Piratas no cómic”.

A mostra, comisariada por Antoni Guiral, recolle unha ampla colección de cómics con personaxes moi coñecidos no seu rol de corsarios.



Nove seccións
“Piratas no cómic” reparte os seus contidos en noves seccións que recollen as novelas gráficas de piratas desde distintos puntos de vista.

1. Navegando na prensa diaria
As tiras de prensa americanas non adoitan presentar a piratas como protagonistas. Probablemente para evitar escenas violentas e personaxes antiheroicos que un código deontolóxico non escrito tivese prohibido. Con todo, hai personaxes clásicos que nalgún momento da súa traxectoria cruzáronse con piratas de toda índole e condición. Un dos exemplos máis coñecidos é Flash Gordon (1934-2003) que relata as peripecias do protagonista, de Dale Arden e do doutor Zarkov no misterioso planteta Mongo.

2. Izando a bandeira pirata en publicacións made in USA
En formatos como o cómic-book ou o magazine, a historieta norteamericana ten dedicado moita máis atención aos piratas que as tiras de prensa. Ben con algúns personaxes clásicos reconvertidos en bucaneiros, ben con novos protagonistas, as viñetas Made in USA cruzaron os sete mares ao berro da “A abordaxe!”.

3. Vento en popa a toda vea ou piratas en formato apaisado
Entre os anos 40 e os 60 o caderno pequeno apaisado de historietas de aventuras foi o formato máis comercializado dos nosos quioscos. Miles de títulos, algúns deles de grandes tiradas, coparon o mercado, achegando historias sinxelas pero efectivas, que encheron o lecer de máis dunha xeración de españois.

4. Pavillóns franco-belgas
A historieta franco-belga posúe un rico patrimonio en series de aventuras. Algunhas delas co protagonismo absoluto dos piratas, sempre ambientadas na súa época álxida, cando asucaban mares e océanos en pos de tesouros e todo tipo de botíns. Claro que non todos os tratamentos do tema son necesariamente clásicos.

5. Cabotaxes italianas
A relación da historieta italiana cos piratas podería dividirse en dúas: a súa presenza nunha longa lista de cómics populares, formato no que Italia sempre destacou, e a súa aparición en cómics máis singulares, cando non case experimentais. Son dúas formas equidistantes para revisar o que de romático e de veraz ou fantástico ten a pirataría.

6. Os estraños piratas chegados de Xapón
Desde hai xa uns anos, a manga converteuse nunha das lecturas máis populares en Occidente. A historieta xaponesa posúe unha longa e moi variada tradición, con obras que inclúen un tratamento variopinto e orixinal dos xéneros. Tamén os piratas ocupan o seu espazo no manga; iso si, cunha visión moi particular do tema.

7. Bandeiras piratas con acento hispano
Máis aló dos cadernos apaisados de aventuras, a historieta española e a latinoamericana izaron o pavillón distintivo da pirataría en revistas e libros de cómics. Fieis ao espírito ancestral da aventura pura e dura, os autores de fala hispana souberon engadir unha especial interpretación ás fazañas e barbaries dos filibusteros.

8. Piratas literarios
A literatura de ou sobre piratas iniciouse no século XVI. Desde entón, os corsarios ocuparon miles de páxinas en centos de libros, aínda que se hai unha novela referencial sobre a pirataría, esta é “A illa do tesouro” (1883, de Robert Louis Stevenson (1850-1894). Este clásico da literatura de aventuras gozou dunha moi variada gama de adaptacións ás viñetas.

9. Ninguén ri dos piratas!... Ou si?
Que a pirataría é un tema serio, iso ninguén o dubida. Pero a historieta, á parte dun tratamento entre aventureiro e romántico, tamén soubo parodiar as andainas de corsarios e filibusteros. Así, en alta mar como en terra podemos gozar de moitos cómics cun ton entre humorístico e sarcástico que, como aquel que non quere a cousa, quítalle algo de ferro ao asunto.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións