miércoles, 5 de octubre de 2011

galegoespañol

Sanmartiños

OS PRIMEIROS NACIDOS EN CATIVIDADE

:· INVESTIGACIÓN
>> Aquarium Finisterrae

O PROXECTO arrincou o pasado mes de abril nas instalacións do Aquarium Finisterrae, a partires de sanmartiños adultos que viven nos nosos tanques:

  1. Os biólogos do aquarium obtiveron esperma e ovocitos destes exemplares e realizaron a fecundación no laboratorio.
  2. Dos ovos que resultaron viables saíron larvas, parte das cales trasladáronse ao Centro Oceanográfico de Vigo (IEO), onde un bo número prosperou á fase de alevíns.
  3. Son estes os que agora se mostran na sala Maremagnum do Aquarium Finisterrae.

O OBXECTIVO do proxecto era coñecer o comportamento do peixe de San Pedro en catividade analizando as posibilidades do seu cultivo a nivel comercial, así como realizar unha primeira identificación e descrición das fases do seu desenvolvemento embrionario.

Coa colaboración de:
O Aquarium Finisterrae presenta o froito do primeiro éxito mundial de reprodución en catividade do sanmartiño ou peixe de San Pedro (Zeus faber). Esta experiencia foi realizada polo Aquarium Finisterrae en colaboración co Centro Oceanográfico de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía (IEO).


>> Ver selección de fotos de Sanmartiños na Sala Maremagnum.

>> No Blog: O feroz "bocexo" do Sanmartiño
Descobre que está a pasar na secuencia de imaxes de enriba.

Os peixes de san Pedro viven entre os 20 e os 200 metros de profundidade sobre fondos brandos. A especie está amplamente distribuída no Atlántico e no Mediterráneo e está presente en todas as costas da Península Ibérica.

O sanmartiño é unha das especies de maior interese para a acuicultura, debido a que é un peixe de carne apreciada e prezo alto no mercado (especialmente os exemplares pescados con palangres de fondo). Un estudo sobre a procura de novos candidatos para diversificar as especies de cultivo en Europa situou ao sanmartiño no número 13 dunha lista de 20.000 especies.

O peixe de San Pedro

SanmartiñoOs sanmartiños teñen en cada costado unha gran mancha negra rodeada de branco. Sobre a orixe de tan peculiar trazo físico circulan entre os pescadores varias historias. A máis coñecida delas conta que as manchas son en realidade as impresións dixitais que deixou o apóstolo San Pedro cando nun ocasión capturou ao peixe e tivo que devolvelo á auga asustado polo feo que era.

Outra das lendas involucra ao mesmo Xesucristo na orixe das manchas e conta que unha vez Xesús paseaba cos seus discípulos pola marxe dun lago cando uns soldados romanos o pararon para esixirlle o pago dos tributos. Entón Xesús pescou un peixe e da súa pel extraeu dúas moedas de ouro que serviron para pagar aos soldados. O peixe era un sanmartiño e as manchas na súa pel son as marcas que deixaron as moedas.

Destas dúas lendas proveñen os nomes comúns que en castelán e francés ten o sanmartiño: Peixe de San Pedro ou galo Cristo e Saint-Pierre.

Aparte das lendarias manchas, os sanmartiños posúen outros trazos físicos curiosos. Como as duras placas provistas de espiñas que teñen na base das aletas dorsal e anal e que lles serven para protexerse dos ataques doutros depredadores. Ou a forma do seu corpo, tan plano e delgado que cando avanzan de fronte é moi difícil identificalos. Tamén son moi rechamantes as larguísimas extensións filamentosas dos radios da aleta dorsal.

Ademais nadan moi lentamente, polo que as súas presas non adoitan notar a súa presenza ata que os teñen practicamente enriba. As grandes mandíbulas, que se proxectan cara adiante ata sobresaír da boca, reforzan a eficacia como depredadores destes estraños peixes, que se alimentan sobre todo de pequenos peixes e crustáceos.

:· PARA SABER MÁIS
Zeus faber | Fishbase
Ficha científica do sanmartiño, con descripción biolóxica, clasificación taxonómica, distribución, etc.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións