miércoles, 2 de mayo de 2012

galegoespañol

XVII Día da Ciencia na Rúa

2012

:· ROMARÍA CIENTÍFICA
CANDO E ONDE
Sábado 5 de maio de 2012
Parque de Santa Margarita. A Coruña
De 11 da mañá a 7 da tarde

PROGRAMA
Descarga o programa completo
(PDF, 6.6 MB)
Centos de estudantes e profesores de 20 centros educativos, así como membros de numerosas entidades encherán con actividades as 33 carpas e espazos de lecer instalados nas inmediacións da Casa das Ciencias.

Os 3 Museos Científicos Coruñeses súmanse ao Día da Ciencia na Rúa con xornada de portas abertas desde as 11 da mañá.


Un ano máis os alumnos e profesores de centros escolares serán os protagonistas desta festa da ciencia. As carpas, instaladas ao aire libre no coruñés Parque de Santa Margarita, acollerán as numerosas e variadas experiencias que os estudantes prepararon para o público asistente.

O Día da Ciencia na Rúa, que organiza por decimoséptimo ano consecutivo a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e os Museos Científicos Coruñeses, reunirá nesta convocatoria a unha vintena de centros educativos da Coruña, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Ribadeo e Carballo.

A Universidade da Coruña terá unha destacada representación con programas de actividades presentados por profesores e alumnos das facultades de Informática e Ciencias. Outra das entidades que participarán son o Instituto Español de Oceanografía; a Agrupación Astronómica Ío, que disporá telescopios para a observación do ceo; ou as Bibliotecas Municipais da Coruña, que presentarán actividades do Club de Ciencia e Investigación.

O desfile de cabezudos de famosos científicos, que nesta ocasión irán acompañados de malabaristas, xogos, concursos e entretementos completarán esta xornada festiva no Parque de Santa Margarita.

Museos Científicos Coruñeses
A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae súmanse á festa con xornada de portas a abertas e actividades nas súas instalacións. O Planetario da Casa das Ciencias presentará un maratón de programas de planetario, con pases ás 11, 12, 13, 16, 17 e 18 horas. Na Domus celebraranse sesións do xogo Biotec, que penetra aos participantes nos segredos da biotecnoloxía. E no Aquarium o público poderá participar nun taller de bioloxía da Charca das Caricias ou unha sesión en directo na Oceanosfera, entre outras actividades.

“Doa a túa neurona”
A Domus celebrará o Ano Internacional da Neurociencia en España cunha convocatoria dirixida a escolares, na que se lles convida a participar na construción dunha gran rede neural que pasará a exporse na sala principal da Domus, dentro dunha nova exposición sobre a mente humana que se está preparando.

Por iso, con motivo do Día da Ciencia na Rúa, haberá unha carpa na que se desenvolverá un taller de manualidades para a construción de neuronas, que se sumarán ás que xa se están recibindo desde diversos centros educativos.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións