martes, 19 de marzo de 2013

galegoespañol

Enerxía para a vida

O FUTURO DA TIERRA

:· PLANETARIO
>> Casaciencias
Prezo: 2€ (1€ para menores de 14, MAIORES de 65, Carné Xove e Tarxeta 20)
Duración: 40 minutos
Idade: desde 6 anos
(recomendado a partir de 3º de ESO)
VER HORARIOS
Desde o 23 marzo 2013

«Enerxía para a vida» é un documental en formato a cúpula completa (fulldome), que examina distintas fontes enerxéticas desde un punto de vista da sustentabilidade da vida no planeta Terra.

Combina múltiples técnicas audiovisuais: animación 3D, fotografía, vídeo, debuxo de escenas e proxección do firmamento.
Un programa de planetario que convida a explorar a relación da nosa sociedade coa enerxía. Aborda as distintas fontes enerxéticas que usamos e pregúntase cales delas poden ser enerxías de futuro:


«Enerxía para a vida» é un audiovisual de planetario dixital a cúpula completa. A imaxe que se proxecta sobre a pantalla produce un efecto inmersivo único, que sitúa ao espectador dentro de cada escena.

As espectaculares animacións a toda cúpula levan ao público a voar sobre os rañaceos de Manhattan, introducirse no interior da cheminea dunha central térmica, viaxar aos confíns da nosa galaxia ou penetrarse nas tripas dun aeroxerador.

Solución renovable

O programa aborda a importancia das enerxías renovables (eólica, solar, hidráulica ou biomasa), pero tamén fala dos combustibles fósiles (carbón, gas natural e  petróleo) e da enerxía nuclear, tanto a que se produce nas actuais centrais de fisión, como a que se xerará nas futuras centrais de fusión alimentadas por hidróxeno.

Presenta as enerxías renovables, que xa usaron os nosos antepasados, como solución ao quecemento global causado pola emisión de gases de efecto invernadoiro.

Nesta historia aparecen conceptos científicos, como o grao de evolución de futuras civilizacións, a ciencia detrás do electromagnetismo, a enerxía que move as estrelas, etc. Sen a ciencia non se pode entender o futuro, nin os serios desafíos enerxéticos actuais.

Tamén se expoñen temas nos que existe debate, sobre os que se investiga, que quizá no futuro teñan outra formulación ou mellores solucións.

«Enerxía para a vida» é unha producción do Planetario de Pamplona, adaptada ao sistema do planetario da Casa das Ciencias. Foi financiado parcialmente pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Economía y Competitividad, na Convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica e da innovación 2011.

Ademais dos Museos Científicos Coruñeses colaboraron: Ciudad de la Energía de Ponferrada, Planetario de Madrid, Museo de las Ciencias de Castilla la Mancha, Museo de la Ciencia de Valladolid, Museo de la Ciencia y el Agua de Murcia, Universidad Pública de Navarra, Aula de la Energía de Castejón, Museum am Schölerberg de Osnabrück e Centro de Investigación de Energía de la UNAM (México).



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións