jueves, 14 de marzo de 2013

galegoespañol

Xogo de Neuronas

PEZAS DA INTELIXENCIA HUMANA

:· NOVA SECCIÓN
>> Domus
Planta primeira
Desde el 14 marzo 2013

13 módulos interactivos que percorren cada unha das 8 intelixencias descritas por Gardner e algúns aspectos da anatomía e fisioloxía do cerebro.

Unha exposición orixinal dos Museos Científicos Coruñeses, producidad polo Concello da Coruña.
A Domus realiza unha importante renovación dos seus contidos permanentes, cunha nova zona sobre a intelixencia humana, na que se exploran a anatomía e o funcionamento do cerebro.



O elemento máis emblemático desta nova exposición é, sen dúbida, unha colorida rede neural elaborada con neuronas creadas na súa maior parte por escolares galegos.

Entre marzo e xuño de 2012 os Museos Científicos Coruñeses convocaron o programa de participación “Doa a túa neurona” para a construción de neuronas de forma artesanal. Expúxose como un exercicio de ciencia e creatividade, que servise ademais de homenaxe ao descubridor destas células, Santiago Ramón e Cajal. Participaron 780 persoas, a maior parte escolares de toda Galicia (de 74 centros educativos), que construíron 709 neuronas. Con elas creouse esta rede neural que preside a nova exposición.
Intelixencias múltiples
A exposición interactiva ten como fío condutor a teoría das intelixencias múltiples de Howard Gardner, premio Príncipe de Asturias. A definición clásica considera que a intelixencia é unha característica innata e permanente. Para Gardner pódese desenvolver e adaptar á contorna, igual que outras capacidades como a muscular. Considera que a intelixencia é a habilidade que utilizamos para resolver problemas, para elixir o camiño que mellor leva a un obxectivo, ou para crear produtos importantes na contorna social.

Gardner describe a existencia de oito intelixencias, e defende que podería haber máis. A lingüística e lóxico-matemática son as que clasicamente recibiron maior importancia. Ademais destas, tamén considera a musical, a cinética, a espacial, a interpersoal, a intrapersonal e a naturalista. Afirma que todos as temos, e que todas teñen igual importancia para o éxito na vida. O que nos diferencia sería o grao de desenvolvemento de cada unha e a súa peculiar combinación coas demais.

Así, proponse ao longo da exposición actividades que pon en práctica as diferentes habilidades das persoas, como tentar reproducir nun teclado unha melodía, clasificar unhas figuras de extraterrestres, observando as súas diferenzas e similitudes, tentar reproducir un debuxo seguindo as instrucións verbais que lles dá outra persoa, ou xogar cun aparello con pulsadores a diferentes alturas que o visitante debe pulsar o máis rápido posible cando se acenden.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións