martes, 30 de abril de 2013

galegoespañol

XVIII Día da Ciencia na Rúa

2013

:· ROMERÍA CIENTÍFICA

CANDO E ÓNDE
Sábado 4 de maio de 2013
Parque de Santa Margarida. A Coruña
De 11 da mañá a 7 da tarde

DESCARGA
Programa completo
(PDF, 6.2 MB)
Centos de estudantes e profesores de 24 centros educativos, así como membros de numerosas entidades encherán con actividades as carpas e espazos de lecer instalados nas inmediacións da Casa das Ciencias.

Os 3 Museos Científicos Coruñeses súmanse ao Día da Ciencia na Rúa cunha xornada de portas abertas desde as 11 da mañá.


Un ano máis os alumnos e profesores de centros escolares serán os protagonistas desta festa da ciencia. As carpas, instaladas ao aire libre no coruñés Parque de Santa Margarita, acollerán as numerosas e variadas experiencias que os estudantes prepararon para o público asistente.

O Día da Ciencia na Rúa, que organizan por décimo oitavo ano consecutivo a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e o Concello da Coruña (Museos Científicos Coruñeses), reunirá nesta convocatoria a máis dunha vintena de centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana e tamén un instituto de Ribadeo.
Tamén estarán presentes institucións como a Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, as Bibliotecas Municipais, a Fundación Barrié, Equus Zebra e a radio comunitaria Cuac Fm, que retransmitirá por internet o desenvolvemento desta festividade.

O desfile de cabezudos de famosos científicos, acompañados de malabaristas e zancudos, xogos, concursos, a actuación da Banda Municipal e espectáculos de maxia completarán esta xornada festiva no Parque de Santa Margarita.

Museos Científicos Coruñeses
A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae súmanse á festa con xornada de portas a abertas e actividades gratuítas nas súas instalacións. O Planetario da Casa das Ciencias presentará un maratón de programas de planetario, con pases ás 11, 12, 13, 16, 17 e 18 horas. Na Domus celebraranse talleres de disección no novo Laboratorio Aberto, e ademais proxectarase a película en 3D "O último arrecife", ás 12, 13, 17 e 18 horas. E no Aquarium o público poderá participar nun taller de bioloxía da Charca das Caricias, entre outras actividades.

Unha sacudida de ciencia
O Día da Ciencia na Rúa ten o seu epicentro no Parque de Santa Margarita, ao redor da Casa das Ciencias. Produciranse réplicas na Domus e no Aquarium Finisterrae. A onda festiva chegará tamén a outros museos e atraccións da cidade: o Muncyt, a Torre de Hércules e o Castelo de San Antón tamén celebrarán unha xornada de portas abertas ese día.

Nesta romaría científica que sacudirá A Coruña, todo é posible: os visitantes terán a oportunidade de descubrir como coller unha moeda da auga sen mollarse, aprender a construír un robot, recibir consellos sobre unha dieta equilibrada ou fabricar un foguete de auga.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións