martes, 2 de julio de 2013

galegoespañol

Fotógrafos da Natureza

2013

:· EXPOSICIÓN TEMPORAL
>> Aquarium Finisterrae
Sala Isabel Castelo
1 xullo-31 agosto 2013
FINALIZADA

Gañadores do concurso GDT European Wildlife Photographer of the Year 2012.

Nesta edición do concurso presentáronse máis de 14.273 imaxes procedentes de 39 países europeos. 

O certame arrincou no ano 2000, promovido pola Asociación Alemá de Fotógrafos da Natureza (GDT). Desde entón, o desenvolvemento, prestixio e crecemento do concurso foi extraordinario, traspasando as fronteiras europeas e alcanzando renome mundial.
A sala Isabel Castelo do Aquarium Finisterrae acolle a exposición Fotógrafos da Natureza 2013, que contén as fotografías galardoadas na última edición do concurso GDT European Wildlife Photographer of the Year.

Entre os 71 fotógrafos premiados, orixinarios de 16 países, atópanse 11 españois; un deles, Cristóbal Serrano, gañador na categoría de mundo submarino.

A exposición recolle impresionantes imaxes que mostran a beleza do noso planeta e a importancia de preservala. Unha colección que inspira e alenta o interese por coñecer e defender a marabillosa natureza que nos rodea.

Arte en defensa do medio natural
O certame ten como obxectivo mostrar a arte dos fotógrafos da natureza europeos grazas ás extraordinarias imaxes que anualmente presentan. Pero tamén pretende promover activamente o coñecemento da natureza e a militancia na súa conservación a través da fotografía, ilusionar aos cidadáns coa posibilidade de mostrar e defender o medio natural grazas á arte fotográfica.

Está aberto a todos os fotógrafos, afeccionados e profesionais, que estean interesados en mostrar a súa obra nalgunha das 8 categorías establecidas: aves, mamíferos, outros animais, eloxio das plantas, paisaxes, mundo submarino, o home e a natureza, forma e composición.

"O que mira as estrellas", de Tommy Vikars (Finlandia)
GAÑADOR ABSOLUTO. O autor describe así a imaxe: “No meu pobo hai dous irmáns que coidan e alimentan aos cervos durante o inverno. Recibiron de bo grado o meu interese por fotografar aos cervos de cola branca nas súas comederos durante a noite.

Enterrei a miña cámara na neve protexéndoa da humidade cunha caixa estanca. Manexábaa mediante un control remoto a 50 metros de distancia, desde o meu cálido agocho. Para poder ver a escena axudábame doutra cámara cun obxectivo de 300 mm. Era extremadamente difícil ver o que ocorría no comedero incluso incrementando a ISO e a exposición aos seus valores máximos. Realicei moitas fotografías, pero o normal era que durante o longo tempo de exposición os cervos se movesen demasiado rápido ou na dirección equivocada. Cando ao final contemplei esta imaxe na pantalla do computador acabei moi satisfeito co resultado”.

"Misteriosa e reservada", de Markus Zadra (Italia)
AVES. Atopamos aves en calquer lugar. Pero falamos pouco delas e, con todo, teñen unha vida emocionante. Pensemos nas variadas expresións dos seus cortexos, a dinámica das migracións ou a frecuentemente drástica loita por alimentarse, sen esquecer os aspectos estéticos, cores e formas ou a elegancia do seu voo.

"Porco teixo no bosque á tardiña", de Florent Cardinaux (Francia)
MAMÍFEROS. Nesta categoría búscase especialmente que as fotografías digan algo do carácter ou da vida dos animais. Poden ser tanto retratos expresivos como imaxes sobre a súa vida e comportamento na contorna no que habitan.

"Nas areas do deserto", de Uwe Hasubek (Alemaña)
OUTROS ANIMAIS. Na nosa contorna podemos atopar 50 veces máis especies de invertebrados que de vertebrados. Entre as especies menos populares, son os insectos e moluscos o que máis mostran unha abundancia e variedade de formas e cores sorprendente.

"No corazón da primavera", de Sébastien Lamadon (Francia)
ELOXIO DAS PLANTAS. Esta categoría constitúe un eloxio ás formas e a beleza das plantas, así como á súa capacidade de adaptación aos diferentes lugares. As imaxes premiadas mostran un compromiso especial dos seus autores cos detalles, a iluminación e unha avanzada composición do conxunto.

"Bosque no inverno", de Lars Andreas Dybvik (Noruega)
PAISAXES. As fotografías desta categoría mostran a gran diversidade e beleza das paisaxes da Terra, desde as áreas cultivadas ou próximas aos nosos fogares até os lugares virxes das máis remotas rexións. Os fenómenos meteorolóxicos, a forza do vento ou da auga e o seu impacto no planeta constitúen temas moi populares entre os fotógrafos.

"A persecución", de Cristóbal Serrano (España)
MUNDO SUBMARINO. As imaxes da vida submarina estaban inicialmente integradas noutras categorías deste concurso. Pero a diversidade de vida baixo a auga e a calidade e cantidade de imaxes que se recibían propiciou que desde 2004 constitúa unha categoría independente.

"Sobrevivente", de Ferenc Somodi (Hungría)
O HOME E A NATUREZA. As imaxes desta sección convidan a reflexionar sobre o impacto das nosas actividades e as consecuencias das mesmas, aínda que en certas ocasións simplemente sorprenden e provocan un sorriso.

"Pés contentos", de Knut-Sverre Horn (Noruega)
FORMA E COMPOSICIÓN. Esta categoría está aberta ás fotografías que tratan coas formas e as cores da natureza por encima de fins de mera documentación. Son imaxes que non só mostran o punto de vista estético de cada fotógrafo senón que pon de manifesto atractivas aproximacións experimentais, tanto técnicas como visuais.

:· MÁIS FOTOGRAFÍAS
Galería da exposición | GDT
Consulta as fotografías gañadoras na edición de 2012 do prestixioso concurso europeo de fotografía de natureza.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións