miércoles, 7 de agosto de 2013

galegoespañol

Perseidas 2013

CHUVIA DE ESTRELAS

:· PLANETARIO EN DIRECTO
>> Casaciencias
Sesión especial de planetario en directo: consellos para observar a chuvia de estrelas, historias e lendas, explicación do fenómeno astronómico.
Datas: 10 — 16 agosto 2013
Hora: 13:00 e 19:00
Duración: 1 hora aprox.
Prezo: 2€ (1€ para menores de 14, maiores de 65, Carné Xove e Tarxeta Vinte)
As estrelas fugaces acoden á súa cita anual co ceo de verán e o Planetario mostra as claves para poder observalas. Este será un bo ano para observalas, xa que a Lúa en cuarto crecente ocultarase pronto os días de máxima actividade, e en principio hai previsión de ceos despexados.

Cada ano por estas datas os afeccionados á astronomía teñen un encontro ineludible coa choiva de estrelas fugaces das Perseidas, chamadas así porque parecen xurdir da constelación de Perseo, que sae polo horizonte NE cara á media noite.

É dun dos fenómenos astronómicos máis emocionantes e ao mesmo tempo máis accesíbeis que nos ofrece o ceo. Por iso, entre o 10 e o 16 de agosto todas as sesións no planetario da Casa das Ciencias incluirán recomendacións para observalo.
Ademais, as sesións en directo das 13:00 e 19:00 estarán adicadas exclusivamente ás Perseidas.


O mellor modo para observalas é a simple vista, nun lugar relativamente escuro, lonxe das luces de vilas e cidades, e mirando cara a nordés entre as 3 e as 5 da madrugada. A observación non necesita de máis axuda que un ceo despexado, abrigo, paciencia e boa compaña. Non se recomenda o uso de prismáticos ou telescopios.

Este ano a máxima actividade das Perseidas espérase para a noite do 12 de agosto. A lúa crecente ocultarase pronto, deixando un ceo escuro que favorece a observación. Espérase que o número de meteoros poida chegar a superar os 50 por hora, aínda que só se poderán ver os máis brillantes. Por iso o máis recomendable é observar na dirección en que o ceo está máis escuro e, a poder ser, facelo cando a lúa non se atopa no ceo. A posibilidade de ver estrelas fugaces, e mesmo algún bólido, xustificará a espera.

Lendas no ceo
Antigamente as Perseidas asociábanse con catástrofes ou lendas sobre diaños expulsados do ceo. Hoxe sabemos que as estrelas fugaces só son fragmentos de materia cuxo tamaño oscila entre o de grans de area e motas de po.

Cada ano por estas datas a Terra atopa no seu camiño ao redor do Sol os restos da cola do cometa Swift-Tuttle, descuberto en 1862 e que volveu pasar pola mesma zona no 1992. A medida que estas pequenas partículas penetran na atmosfera terrestre a gran velocidade, o aire ao longo da súa traxectoria vólvese incandescente, deixando rastros que poden permanecer no ceo durante varios segundos.

As Perseidas tamén son coñececidas como as Bágoas de San Lourenzo, xa que o seu máximo adoita producirse ao redor do día 10 de agosto, en que se celebra o martirio do santo (que foi asado á grella en Roma no século III).

:· PARA SABER MÁIS

Diez datos sobre la lluvia de estrellas de las Perseidas | AstroSETI.org
Sabías que as estrelas fugaces non son estrelas?
Meteors | Sky & Telescope
Completas reportaxes sobre as Perseidas e outras chuvias de estrelas.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións