viernes, 31 de enero de 2014

galegoespañol

Lendas do voo 3D

HISTORIA DA AVIACIÓN


:· CINE EN 3D

>> Domus
Sala Leonardo Da Vinci
Prezo: 4€
(2€ para menores de 14, maiores de 65, Carné Xove, Tarxeta 20, desempregados e membros de familias numerosas)
1€ para visitas escolares con desconto
Duración: 42 minutos

Desde o 23 decembro 2013
Ver horarios

A Domus estrea unha nova  película en 3D que convida a descubrir os fitos da aeronáutica. «Lendas do voo» explora a relación entre o voo na natureza, o deseño dos avións, a súa construción e a tecnoloxía que se agocha detrás.

Ao longo dos algo máis de cen anos de historia da aviación, desenvolvéronse diferentes deseños de avións que foron superando claramente aos anteriores. A través dos ollos dun coñecido piloto de probas, «Lendas do voo» vai descubrindo as grandes innovacións, así como os grandes erros, que levaron á creación de deseños como o do famoso Boeing 787 Dreamliner ou o Airbus A380

Ver álbum Leyendas del vuelo 3D

Nova tecnoloxía para un voo máis natural

A película traslada ao espectador ao momento do primeiro voo do enorme, pero eficiente, Airbus A380, que tivo lugar no Salón Internacional da Aeronáutica e o Espazo de París de 2007, así como ao do pequeno pero aínda máis eficiente 787, o primeiro avión construído empregando fibra de carbono. As imaxes en 3D do voo destes avións lendarios ofrecen ao espectador unha emocionante experiencia.

«Lendas do voo» tamén introduce ao espectador no proceso de fabricación dun avión moderno, mostrando como a ciencia e os novos materiais permiten aos enxeñeiros aeronáuticos idear e construír aeronaves que imiten o voo natural como nunca antes se fixera.
O sistema de proxección 3D

A distancia que separa os nosos ollos, un cinco centímetros, determina que cada un reciba unha imaxe lixeiramente distinta. Con elas, o cerebro constrúe imaxes tridimensionais e non planas, como o fai unha cámara fotográfica. As lixeiras diferenzas que lle chegan de cada ollo serven para apreciar a profundidade do espazo e a distancia que nos separa dos obxectos.

Nunha película 3D dúas imaxes proxéctanse á vez sobre a pantalla. As lentes separan cada unha das imaxes e deixan pasar só una delas a cada ollo. Pero ademais, as dúas imaxes dun obxecto que se proxecta en primeiro plano están máis separadas que os obxectos máis distantes na pantalla. Isto permite que o cerebro entenda que hai obxectos que están máis preto e outros que están máis lonxe, dunha forma máis acentuada que a habitual. Pode dicirse que este sistema de proxección leva ao extremo a nosa visión normal en tres dimensións.



 

© 2016, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións