miércoles, 19 de marzo de 2014

galegoespañol

Muuultiplicádevos

ACUICULTURA NO AQUARIUM FINISTERRAE

:· EXPOSICIÓN TEMPORAL
>> Aquarium Finisterrae
Sala Humboldt
Desde o 19 marzo 2014

A exposición presenta 10 acuarios, con especies de mar e río que se cultivan en todo o mundo. Consta ademais de 3 elementos centrais, cunha estrutura similar á das bateas, onde se exhiben módulos interactivos e diferentes pezas expositivas.

Unha exposición de produción propia, realizada polo equipo dos Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña), co patrocinio da Consellería do Medio Rural e do Mar (Xunta de Galicia).
O Aquarium Finisterrae renova o seu contido cunha exposición dedicada á acuicultura na que se abordan cuestións como as especies que se poden cultivar, a perspectiva ambiental, a nutricional, ou aspectos culturais e sociais relacionados co cultivo de especies acuáticas.



A Casa dos Peixes dá así un maior protagonismo a un tema que xa contemplaba desde os seus inicios. A cuestión é aínda máis oportuna agora, xa que se están a abordar en Galicia novos proxectos de acuicultura con investimento privado, e ademais diferentes institucións públicas consideran a acuicultura como unha liña fundamental de investigación e desenvolvemento. Galicia é unha das rexións con maior relevancia neste sector: a produción galega de mexillón converte a España no segundo produtor mundial, despois de China.

Contidos
A exposición discorre por tres ámbitos: unha zona de presentación, unha de contextualización histórica e outra dedicada á acuicultura contemporánea, onde se abordan a acuicultura en auga salgada e doce, a alimentación das diferentes especies, os ciclos biolóxicos, os impactos ambientais, e cuestións relacionadas co consumo humano de especies de acuicultura. Ademais, na parte posterior da sala creouse unha aula onde se desenvolverán actividades relacionadas coa educación ambiental e o consumo sustentable de produtos mariños.

Os acuarios da exposición conteñen diferentes especies que son obxecto da acuicultura ou que teñen relación con esta actividade. O máis novo e singular é, se dúbida, un tanque xiratorio con diferentes compartimentos nos que se presentan alevíns de robaliza, linguado, rodaballo e lubrigante. Tilapias, anguías, lagostinos, orellas de mar, carpas e pangas son outras das  especies que viven nos acuarios da exposición. E non falta un tanque dedicado á acuariofilia que aloxa peces tropicais, cuxas paredes son transparentes para permitir observar todo o armazón de filtros e demais instalacións que precisa un acuario para funcionar.

Elementos singulares
A exposición recibe aos visitantes cun prisma de 2 metros de altura cheo de cunchas de mexillón e cunha escultura dunha vaca decorada con motivos relacionados coa acuicultura. O deseño que loce esta escultura saíu do concurso escolar  «Mete unha vaca no Aquarium». Das 3.009 propostas recibidas de escolares, de todas as idades e de numerosas localidades de toda Galicia, seleccionouse a presentada por unha estudante de 3ª da ESO do IES Otero Pedrayo de Ourense.

Facendo un paralelismo coa revolución que supuxo o desenvolvemento da agricultura e a gandaría no Neolítico, nos nosos tempos a acuicultura representa outra revolución dos cultivos, neste caso mariños. Así, a vaca, un dos primeiros animais que se domesticaron naquela época antiga, terían o seu equivalente actual nos peixes e demais especies do mar obxecto da acuicultura. .

Investigación
Outro dos aspectos a destacar nesta exposición é a presentación nun dos acuarios da sala o resultado dun programa europeo de desenvolvemento e investigación sobre a cherna ou mero. O Aquarium Finisterrae traballou na reprodución desta especie desde o ano 2000. Na actualidade conseguiuse inducir postas de ovos e obtivéronse millóns de larvas. Aínda que a supervivencia en catividade destas larvas é moi difícil, algunhas se conseguiron desenvolver até obter os primeiros alevíns desta especie nacidos en catividade no mundo.



 

© 2016, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións