jueves, 24 de abril de 2014

galegoespañol

A cerámica castrexa en Galicia

VIDA COTIÁ NA IDADE DO FERRO

:· EXPOSICIÓN TEMPORAL

>> Domus
Segunda planta
25 abril–7 setembro 2014
FINALIZADA

Unha colección de réplicas de cerámicas procedentes de 20 xacementos galegos, incluíndo o Castro do Elviña da Coruña.

Esta colección mostra a diversidade de formas, decoracións e usos que se pode apreciar na cerámica castrexa ao longo de 900 anos (século IX a.C.– século I d.C.).

A exposición nace dun proxecto de investigación da Fundación Terra Termarum.   

A Domus prensenta «A cerámica castrexa en Galicia», unha exposición que nos descobre como era a vida nos castros hai máis de 2.000 anos, a través dunha colección de cerámica atopada en xacementos arqueolóxicos galegos da Idade do Ferro.

A cultura que define á Idade do Ferro en Galicia é o que se denominou Cultura Castrexa, nome que ten relación cun tipo de hábitat concreto: o castro. Os máis antigos coñecidos en Galicia teñen unha datación do século IX a.C, e os máis modernos chegan até as fases iniciais do século I d.C.

Ao longo de 900 anos, os cambios culturais sufridos polas poboacións da Idade do Ferro tiveron a súa representación nos obxectos usados na vida cotiá. No rexistro arqueolóxico que caracteriza á cultura castrexa, o máis numeroso corresponde á cerámica. A través do estudo de pequenos fragmentos, o arqueólogo pode determinar formas, gusto estético, xerarquización social, xestión do lixo e, ás veces, usos. Con todo, nos xacementos moi raras veces podemos apreciar coleccións de pezas enteiras de cerámica.

Porén, a exposición «A cerámica castrexa en Galicia» mostra como a través do estudo de pequenos fragmentos de cerámica pódense chegar a reconstruír realidades pasadas, só visibles a través do discurso arqueolóxico.

Investigación arqueolóxica
A exposición nace como o resultado do proxecto de Investigación e Recuperación da Cerámica Castrexa en Galicia realizado pola Fundación Terra Termarum. O seu obxectivo é a elaboración dunha colección de réplicas cerámicas castrexas completamente documentadas a nivel arqueolóxico, mantendo as referencias históricas en canto a acabados, texturas, formas e decoracións, permitindo achegarnos a unha visión máis real das pezas orixinais.

Seleccionáronse as pezas mellor conservadas, das que se coñece a forma máis completa e das que se ten maior información, incluíndo desde as comúns até as máis decoradas, nunha mostra procedente dos xacementos castrexos que definen os parámetros temporais, territoriais e  tipológicos da cerámica da Idade do Ferro en Galicia.

Entre a colección, algunhas das réplicas mostran cerámicas aparecidas durante as escavacións no Castro de Elviña e na Coruña, onde se documentaron fragmentos de cerámica castrexa. Estas cerámicas son as comprendidas entre os séculos II a.C e I d.C, e inclúen exemplos dos tipos Borneiro, Vigo e Recarea.

Actividades paralelas
Co gallo da exposición «A cerámica castrexa en Galicia», celebraranse na Domus:

Obradoiros
- 24 de maio. Obradoiro experimental de formas e decoracións da cerámica dos castros.

Ciclo de conferencias
Entrada libre e gratuíta, até completar aforamento.

- 12 de xuño, ás 20:00
«Elviña 2013: resultados da campaña de escavación»
Fidel Méndez Fernández. Arqueólogo e director das escavacións do Castro de Elviña.

- 19 de xuño, ás 20:00
«A cerámica común romana no Conventus Lucensis»
Roberto Bartolomé Abraira. Investigador da USC.
Enrique Alcorta Irastorza. Doutor en Historia Antiga.

- 26 de xuño, ás 20:00
«Noticias desde o extremo Occidente: os ártabros nas fontes greco-latinas»
Francisco Javier González. Profesor de Historia da USC.

- 3 de xullo, ás 20:00
«A vida nun poboado castrexo: unha visión etnoarqueolóxica»
Alfredo González Rubial. Investigador do CSIC.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións