martes, 15 de abril de 2014

galegoespañol

Océanos derreados

HAI SUFICIENTE PEIXE NO MAR?

:· EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA
>> Aquarium Finisterrae
Sala Isabel Castelo
15 abril - xuño 2014
FINALIZADA

30 imaxes da National Geographic Society, realizadas por nomeados fotógrafos como Brian Skerry e Randy Olson, revelan o problema da sobrepesca desde diferentes puntos de vista:
  • A pesca e o consumo de peixe ao redor do mundo.
  • As artes de pesca que arrasan os fondos mariño.
  • A supervivencia do oficio da pesca e o marisqueo.

O Aquarium Finisterrae acolle unha exposición de fotografías que reflicten o esgotamento dos recursos pesqueiros do mar debido á sobreexplotación. 


As imaxes son un percorrido polo mundo ao redor da pesca e do consumo de todo tipo de especies mariñas: mostran como se sacrifican quenllas para obter as súas aletas (un prato moi apreciado no mercado asiático) e retratan escenas como a dunha familia de pescadores galegos ao redor dunha mariscada, que deixa aberta a cuestión de se os máis novos poderán continuar a tradición familiar.

Desequilibrio no fondo do mar
A sobrepesca prodúcese cando a captura da fauna silvestre nos océanos realízase en cantidades demasiado elevadas como para que as especies capturadas poidan restablecerse. A primeira situación de sobrepesca produciuse a comezos do século XIX, cando o ser humano decimou a poboación de baleas co fin de obter graxa para a fabricación do aceite que empregaba nas lámpadas da época. Algúns dos peixes que comemos, incluídos o bacallau ou o arenque do Atlántico, foron capturados en cantidades tan elevadas que estiveron ao bordo da extinción a mediados do século XX.

Debido ao colapso das poboacións de peixes grandes, as frotas comerciais penetran en zonas cada vez máis profundas dos océanos e apuntan a niveis inferiores da cadea alimentaria en busca de capturas viables. Esta chamada "pesca esquilmadora" está a provocar unha reacción en cadea que perturba o delicado e ancestral equilibrio do sistema biolóxico dos mares.

Solucións e concienciación
Moitos científicos afirman que a maioría das poboacións piscícolas podería reporse cunha xestión máis activa da pesca, unha mellor aplicación da lexislación que regula as capturas e un maior uso da acuicultura. E en moitas rexións, hai motivos para a esperanza. Con todo, a pesca ilegal e a explotación insustentable aínda abundan na industria.

Ademais, un público afeito a dispor de abundante peixe e marisco, e moitas veces descoñecedor da grave situación dos océanos, complica as iniciativas encamiñadas a reparar o dano que causamos.



 

© 2016, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións