miércoles, 7 de mayo de 2014

galegoespañol

XIX Día da Ciencia na Rúa

2014

:· ROMARÍA CIENTÍFICA

CANDO E ONDE
Sábado 10 de maio de 2014
Parque de Santa Margarida. A Coruña
De 11 da mañá a 7 da tarde

DESCARGA
Programa completo
(PDF, 4.4 MB)
Inclúe PLANO das carpas e lugares de actividades no Parque.
Centos de estudantes e profesores de 29 centros educativos, así como membros de numerosas entidades encherán con actividades as carpas e espazos de lecer instalados nas inmediacións da Casa das Ciencias.

Os 3 Museos Científicos Coruñeses súmanse ao Día da Ciencia na Rúa cunha xornada de ENTRADA GRATUÍTA desde as 11 da mañá.


Un ano máis os alumnos e profesores de centros escolares serán os protagonistas desta festa da ciencia. As carpas, instaladas ao aire libre no coruñés Parque de Santa Margarida, acollerán as numerosas e variadas experiencias que os estudantes prepararon para o público asistente: construcións de robots, e de motores para coches de Scalextric, experimentos para detectar sustancias químicas dos alimentos, actividades con códigos QR, ilusións ópticas, xogos con imáns, recoñecemento de pegadas de animais do bosque... e tamén actividades deseñadas para os máis pequenos.

O Día da Ciencia na Rúa, que organizan por decimonoveno ano consecutivo a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e os Museos Científicos Coruñeses, reunirá nesta convocatoria a case unha trintena de centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana e tamén de Ribadeo, Ferrol e Mugardos.

Tamén terán o seu espazo de actividades a Facultade de Ciencias e a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños da UDC, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, o Centro Oceanográfico, a Agrupación Astronómica Ío, as Bibliotecas Municipais, o programa Lecer Educativo do Servizo Municipal de Educación, o Centro Psicoeducativo Motiva, así como a iniciativa educaBarrié da Fundación Barrié.

Voos de cometas, xogos de xadrez, concursos para todas as idades, grafiteiros científicos, un espectáculo de maxia, contacontos, radioaficionados, demostracións con impresoras 3D, un concerto da Banda Municipal e, como non, o desfile dos cabezudos de nomeados científicos serán algúns dos múltiples entretementos que animarán este XIX Día da Ciencia na Rúa. 

Museos Científicos Coruñeses
A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae súmanse á festa cun día de entrada e actividades gratuitas.
  • A Casa das Ciencias proxectará unha maratón de programas de Planetario, con pases ás 11, 12, 13, 16, 17 e 18 horas. 
  • Na Domus celebraranse talleres de disección no Laboratorio Aberto, e ademais proxectarase a película en 3D "Lendas do voo", ás 12, 13, 17 e 18 horas. 
  • E no Aquarium o público poderá participar, entre outras actividades, nos talleres de bioloxía da Charca das Caricias, ás 13 e 18 horas. Tamén é unha boa ocasión para coñecer a nova exposición sobre acuicultura, "Muuultiplicádevos".
Outras institucións
Ademais, haberá entrada gratuíta e actividades especiais no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, a Torre de Hércules e o Castelo de San Antón.

PLANO:
Carpas e lugares de actividades no Parque de Santa Margarida.




 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións