miércoles, 9 de julio de 2014

galegoespañol

Fotógrafos da Natureza

2014

:· EXPOSICIÓN TEMPORAL
>> Aquarium Finisterrae
Sala Isabel Castelo
4 xullo–30 novembro 2014
FINALIZADA

Gañadores do concurso GDT European Wildlife Photographer of the Year 2013.

Nesta edición do concurso presentáronse máis de 16.542 imaxes procedentes de 39 países europeos.

O certame arrincou no ano 2000, promovido pola Asociación Alemá de Fotógrafos da Natureza (GDT). Desde entón, o desenvolvemento, prestixio e crecemento do concurso foi extraordinario, traspasando as fronteiras europeas e alcanzando renome mundial.
A sala Isabel Castelo do Aquarium Finisterrae acolle a exposición Fotógrafos da Natureza 2014, que contén as fotografías galardoadas na última edición do concurso GDT European Wildlife Photographer of the Year.

Entre os 72 fotógrafos premiados, orixinarios de 18 países, atópanse 13 españois. Un deles, Cristóbal Serrano, resultou gañador na categoría de mundo submarino por segundo ano consecutivo. Tamén foi premiada unha imaxe do fotógrafo de Bergondo (A Coruña) Luís Vilariño, na categoría de paisaxes.

A exposición recolle impresionantes imaxes que mostran a beleza do noso planeta e a importancia de preservala. Unha colección que inspira e alenta o interese por coñecer e defender a marabillosa natureza que nos rodea.


Galería de gañadores

O certame está aberto a todos os fotógrafos, afeccionados e profesionais, que estean interesados en mostrar a súa obra nalgunha das 8 categorías establecidas:

"Movementos nocturnos", de Alexander Mustard (Gran Bretaña)
GAÑADOR ABSOLUTO. O autor describe así a imaxe: “Estiven a observar a estes caránxidos (Caranx ruber) pescar nos arrecifes de coral durante varias noites e preguntábame como plasmar a enerxía da cazaría.

Finalmente tomei a decisión de xogar con exposicións longas, axudándome cunha lámpada submarina para iluminar o rastro do movemento dos peixes cando nadaban cara ao arrecife para alimentarse. É posible ver os rastros (máis pequenos) deixados polas súas presas ao tentar escabullirse. As marcas longas que baixan en picado corresponden aos ataques, mentres que as máis sinuosas débense ao rastro deixado polos carángidos mentres nadaban devorando as súas presas. Levoume varias noites conseguir axustar a exposición correctamente”.

"Amencer en Blass Rock", de Zoltán Gergely Nagy (Romanía)
AVES. Unha categoría na que se convida a reflectir a vida das aves, desde as variadas expresións dos seus cortexos, a dinámica das migracións ou a frecuentemente drástica loita por alimentarse, sen esquecer os aspectos estéticos, cores e formas ou a elegancia do seu voo.

"O cervo da esquina", de Sven Zacek (Estonia)
MAMÍFEROS. Nesta categoría búscase especialmente que as fotografías digan algo do carácter ou a vida dos mamíferos. Poden ser tanto retratos expresivos como imaxes sobre a súa vida e comportamento na contorna no que habitan.

"Pequeno rinoceronte", de Remo Savisaar (Estonia)
OUTROS ANIMAIS. Nesta categoría teñen cabida as imaxes de especies de invertebrados, moito máis abundantes que as de vertebrados. Deles, son os insectos e moluscos os que mostran unha maior variedade de formas e cores.

"Amanita muscaria", de Stephan Amm (Alemaña)
PLANTAS E FUNGOS. Esta categoría constitúe un eloxio ás formas e á beleza das plantas, así como á súa capacidade de adaptación aos diferentes lugares. As imaxes premiadas mostran un compromiso especial dos seus autores cos detalles, a iluminación e unha avanzada composición do conxunto.

"Reflexións outonais", de Samuel Pradetto Cignotto (Italia)
PAISAXES. As fotografías desta categoría mostran a gran diversidade e beleza das paisaxes da Terra. Os fenómenos meteorolóxicos, a forza do vento ou da auga e o seu impacto no planeta constitúen temas moi populares entre os autores.

"Lazos familiares", de Cristóbal Serrano (España)
MUNDO SUBMARINO. Unha categoría para as imaxes que reflicten a diversidade e beleza de vida baixo a auga.

"A actuación", de Britta Jaschinski (Alemaña)
O HOME E A NATUREZA. As imaxes desta sección convidan a reflexionar sobre o impacto das nosas actividades e as consecuencias das mesmas, aínda que en certas ocasións simplemente sorprenden e provocan un sorriso.

"O baile", de Lars Andreasn Dybvik (Noruega)
FORMA E COMPOSICIÓN. Esta categoría está aberta ás fotografías que tratan coas formas e as cores da natureza por encima de fins de mera documentación. Son imaxes que non só mostran o punto de vista estético de cada fotógrafo senón que poñen de manifesto atractivas aproximacións experimentais, tanto técnicas como visuais.

:· MÁIS FOTOGRAFÍAS
Galería da exposición | GDT
Consulta as fotografías gañadoras e finalistas na edición de 2013 do prestixioso concurso europeo de fotografía de natureza.



 

© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións