viernes, 20 de noviembre de 2015

galegoespañol

Paisaxes astronómicas

MÁIS ALÓ DO OLLO HUMANO
Unha exposición de imaxes que combinan paisaxes nocturnas con técnicas de astrofotografía. Así se compón unha visión do mundo que supera as limitacións do ollo humano.

:· ASTROFOTOGRAFÍA
>> Casaciencias
Planta baixa
Desde o 20 de novembro de 2015

Cinco das seis imaxes reflicten paisaxes de Galicia, lugar de residencia dos autores (Oscar Blanco, Alfredo Madrigal, Dani Katxete, Angel Arós e Ricardo Lago) e a sexta foi tomada baixo unha intensa aurora boreal en Islandia polo astrofotógrafo canario Daniel López.
"Macizo de Trevinca", de Oscar Blanco

Panorama realizado en agosto de 2015, que mostra a Vía Láctea en todo o seu esplendor. Pódese apreciar ademais o fenómeno chamado "airglow", como unha néboa verdosa. Esta zona está infestada de lagoas de orixe glaciar, como a que aparece na foto. Falamos do macizo de Trevinca, o "teito" de Galicia. Recentemente foi certificado como destino turístico Starlight un área pertencente a este macizo, no Concello da Veiga. As súas condicións son as mellores de toda Galicia pola escasa contaminación lumínica, os seus ceos transparentes e o habitual tempo despexado.


"Tráfico en Vigo", de Ricardo Isaac Lago Martínez.

Vista da bocana da ría de Vigo desde o Monte Cepudo, un dos puntos máis altos da cidade. Ademais dos trazos das estrelas, produto da rotación terrestre, no mar apréciase o rastro de luz dos barcos que entran e saen entre Cabo Home e as Illas Cíes. No centro da imaxe destaca o edificio construído na Illa de Toralla, a ponte que une esta illa coa Praia do Vao e o campo de fútbol do Coruxo. A pesar da intensa contaminación lumínica, desde o Monte Cepudo pódese gozar do ceo nocturno a primeira ollada ou con telescopio.



 

© 2016, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións