domingo, 1 de mayo de 2016

galegoespañol

XXI Día da Ciencia na Rúa

2016

:· ROMARÍA CIENTÍFICA

CANDO E ONDE
Sábado 7 de maio de 2016
Parque de Santa Margarita. A Coruña
De 11 da mañá á 7 da tarde

DESCARGA
Programa completo
(PDF, 1.9 MB)
Inclúe PLANO das carpas e lugares de actividades no Parque.
Centos de estudantes e profesores de 29 centros educativos, así como membros de numerosas entidades encherán con actividades as carpas e espazos de lecer instalados nas inmediacións da Casa das Ciencias.

Os 3 Museos Científicos Coruñeses súmanse ao Día da Ciencia na Rúa cunha xornada de ENTRADA GRATUÍTA desde as 11 da mañá.

Un ano máis os alumnos e profesores de centros escolares serán os protagonistas desta festa da ciencia. As carpas, instaladas ao aire libre no coruñés Parque de Santa Margarita, acollerán as numerosas e variadas experiencias que os estudantes prepararon para o público asistente: formación de nubes, extracción de ADN da saliva, experimentos para fabricar cores por osmose, actividades sobre hábitos saudables, ilusións ópticas, xogos con imáns, recoñecemento de impresións dixitais... e tamén actividades deseñadas para os máis pequenos.

O Día da Ciencia na Rúa, que organizan por vixésimo primeiro ano consecutivo a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e os Museos Científicos Coruñeses, reunirá nesta convocatoria a case unha trintena de centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana e tamén de Ribadeo, Betanzos e Lugo.


Tamén terán o seu espazo de actividades as Facultade de Ciencias e a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños da UDC, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, o Centro Oceanográfico, a Agrupación Astronómica Ío ou o Servizo Municipal de Educación.

Xogos de xadrez, concursos para todas as idades, grafiteiros científicos, un espectáculo de maxia, demostracións con impresoras 3D, un concerto da Banda Municipal e, como non, o desfile dos cabezudos de soados científicos serán algúns dos múltiples entretementos que animarán este XXI Día da Ciencia na Rúa.

Museos Científicos Coruñeses
A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae súmanse á festa cun día de entrada e actividades gratis.


  • A Casa das Ciencias proxectará un maratón de programas de Planetario, con pases ás 11, 12, 13, 16, 17 e 18 horas. 



  • Na Domus celebraranse talleres de disección no Laboratorio Aberto, e ademais proxectarase a película en 3D "Pequenos xigantes", ás 12, 13, 17 e 18 horas. 



  • E no Aquarium o público poderá participar, entre outras actividades, na alimentación das focas ás 12 e 17 horas. Tamén é unha boa ocasión para descubrir a exposición "Animais que parecen plantas", no tanque cilíndrico da sala Maremagnum.


  • Outras instituciones
    Ademais, haberá entrada
    gratuíta e actividades especiais no  Museo Nacional de Ciencia e
    Tecnoloxía e a Torre de Hércules.

    PLANO:
    Carpas e lugares de actividades no Parque de Santa Margarita.









       

      © 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións